Monday 29 de April de 2024

Un total de 123 nenos e nenas do CPIP Cernadas de Castro participan no proxecto “As mulleres que nos constrúen”


O Concello de Lousame promove esta actividade para que cada crianza coñeza de onde vén e a importancia das mulleres que forman parte da súa familia

Un total de 123 nenos e nenas de Educación Primaria do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro tomaron parte no proxecto “As mulleres que nos constrúen”, promovido polo Concello de Lousame como parte das actividades conmemorativas do Día da Muller. Un proxecto financiado a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e o Ministerio de Igualdade.

“O obxectivo é que estes nenos e nenas, de entre os 6 e os 12 anos, indaguen nas historias das súas orixes, para o que solicitamos a colaboración das respectivas familias para que cada crianza poida coñecer de onde ven e o que as mulleres que forman parte da súa familia achegan á súa propia identidade”, explica Silvia Agrafojo. A concelleira de Igualdade sinala que “de entre todas as mulleres da familia, escollerán unha e compartirán as súas investigacións sobre ela cos seus compañeiros e compañeiras”.

Deste xeito, e a través dunha foto escollida do álbum familiar, crearán xunto aos seus compañeiros e compañeiras unha historia visual das súas familias, que plasmarán nun mural conxunto que máis adiante poderá ser visitado polas propias familias. “O obxectivo final é promover o interese da rapazada por coñecer a memoria familiar e, sobre todo, que poñan en valor a aquelas mulleres que non van saír nos libros de historia pero que forman parte da historia desa familia”, remata Silvia Agrafojo.

O proxecto “As mulleres que nos constrúen” iniciouse a pasada semana nas instalacións do CPIP Cernadas de Castro de Lousame, onde a rapazada está guiada por técnicos e técnicas de Tarabela Creativa.